Practicamente hai unha visión distinta da Cidade da Cultura por cada cidadán galego que pasa por Santiago e ten ocasión de ollar cara ó Monte Gaiás. As opinións, a meirande parte delas emitidas dende o coche ó transitar pola autoestrada que circunvala o recinto, están suxeitas a unha variada índole de condicionantes: o tempo que haxa ese día en Compostela, o humor do opinante, o punto de vista das persoas que comparten o vehículo ese día. Para quen ande a procurar unha opinión máis estable, O Correo Galego vén de habilitar na súa web un interesante albume de cincuenta fotografías que ofrece unha visión dos edificios que xa están rematados e das obras en xeral. As fotos, que son moi recentes, pertencen a Alberte Peiteavel.
Como era de agardar tratándose dun traballo deste xornal galego, o punto de vista que se achega é un punto de vista non excesivamente crítico co proxecto. Esta frase incluída nos pés das imaxes resúmeo todo: “A Cidade da Cultura, unha espectacular obra que será un dos grandes símbolos de Galicia”. En Chuza!, onde atopamos a ligazón a este albume, a “cousa” perde un aquel de seriedade, e mesmo se compara algúns dos edificios cos escenarios de xa míticas series de televisión para nenos e non tan nenos.
O Correo habilita un exhaustivo albume en liña sobre a Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo

