O director xeral para o Desenvolvemento da Sociedade da Información, David Cierco, participou este xoves 4 na presentación do informe final do proxecto INSPIRA, no que reiterou o mantemento do compromiso por parte do Goberno para “favorecer o desenvolvemento de servizos interactivos de TDT en España”.O proxecto INSPIRA consiste no desenvolvemento dunha oferta completa de aplicacións interactivas para a Televisión Dixital Terrestre que se difunden a través das canles dixitais de Radio Televisión Española.
Co obxectivo de estudar a facilidade de emprego e a utilidade destas aplicacións, dentro do proxecto INSPIRA levouse a cabo unha investigación da que se recolle que “o emprego dos servizos interactivos non se trata dun hábito minoritario nas familias españolas”.
É por iso que no período 2006-2007, o Ministerio de Industria, en colaboración coas autonomías, entidades locais, deputacións provinciais e sector privado, mobilizou 30 millóns de euros para o desenvolvemento da TDT, cantidade da que, segundo Cierco, se destinaron 4,5 millóns de euros a “impulsar servizos interactivos”.
Por outra banda, o presuposto para a implantación da TDT en España en 2008 ascende a preto de 20 millóns de euros, que se destinarán para cubrir o 15 por cento da poboación que na actualidade aínda non recibe os sinais da TDT nos seus fogares.
Segundo palabras de Cierco, a TDT “achega pluralidade, calidade e interactividade e paga a pena este gran esforzo de transición á TDT porque vai supor para o usuario un novo xeito de ver a televisión e unha fiestra cara á Sociedade da Información”.
Na imaxe, mapa da cobertura da TDT en España.
O Goberno dálle un novo pulo ós servizos interactivos da TDT
Compartir Este Artigo
