A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar que porá a disposición do profesorado galego e d@s alumn@s que así o desexen novos materiais de aula para a preparación do Certificado de Lingua Galega (Celga), que dende o pasado 1 de setembro substitúe ós certificados de iniciación e perfeccionamento, e que se estrutura en cinco niveis, segundo as competencias que se acrediten.
Os manuais correspondentes ós niveis 1 (o máis básico) e o 4 (nivel esixido para o acceso a diferentes postos de traballo na Administración) xa están a disposición dos internautas na páxina web da secretaría, onde poderán descargalos de balde.
A diferenza do que se valoraba nos anteriores certificados, para a obtención do Celga vai ser determinante a capacidade comunicativa d@s aspirantes, unha cuestión que se tivo moi en conta na elaboración dos materiais formativos. Neste senso, tódalas unidades (cada nivel está dividido en 12 unidades) contan con exercicios de escoita e con material transcrito en cada unha delas a fin de acadar unha boa preparación do aspirante ó Celga.
Segundo datos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, “na actualidade están programados preto de 60 cursos de preparación do Celga 1 e Celga 4, e está previsto que antes de finais de ano se leve a cabo a primeira convocatoria oficial dos exames para a obtención destes certificados”
Política Lingüística facilítalles ós internautas a preparación para a obtención do Celga.
Compartir Este Artigo
