A segunda edición do concurso de curtametraxes organizado anualmente pola Xunta de Galicia, Curtas na Rede, e que este ano deu acollida a un total de 71 curtametraxes, 78 bitácoras e 25 micromovies para competir a través de Internet, vén de resolverse coa entrega de galardóns ós gañadores nun acto multitudinario no Teatro Colón da Coruña.
A contía dos premios, que ascendeu a 25.000 euros, deu para obsequiar con 1.500 euros ós gañadores de cada categoría. Nunha das novidades desta edición, os premios para blogs (que consistían en presentar a concurso bitácoras de libre expresión nas que verter tódalas ideas, anécdotas de rodaxe), proclamouse vencedor Xoán Martínez González polo caderno Gran Kahuna de Sr. Rojo que recibiu o seu premio de mans de Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación.
No sorteo que se fixo entre tódolos participantes desta categoría, Laura Alonso Ferreiro tamén recibiu o galardón de mans de Salgado.
Nesta edición, que comezou a súa andaina no pasado mes de febreiro, tamén tiveron cabida todas aquelas obras inéditas de duración non superior ós cinco minutos no caso das curtas e ós 30 segundos no caso das micromovies. Os premios nos restantes apartados repartíronse da seguinte maneira:
– Na categoría de Xuventude foron premiados Emiliano Julián Cossini de Ourense coa curta Superheroe, Juan Pedro Pérez da Estrada con Comentarios á parte e Diego Valiña García de Santiago de Compostela con Fuuu.
– Na categoría de Inmigración, Manuel Buceta González da Coruña por Cafés de papel, Ángel Alonso González de Vigo por Retornados e Carlos Prado Pampín por Alí e Alá fixéronse cos galardóns.
– No apartado de Medio Ambiente, os gañadores foron Manuel Tarrío de Sigüeiro pola obra Apocalipse Nau, Pablo Penedo da Coruña por Quen estea libre de culpa e Andrés Cameselle Caride de Vigo por Novo clima galego.
– Na categoría de Visións Nosas/Visións Alleas, Curtas na Rede permitiu a participación de todo tipo de curtas sen un tema concreto e nela foron vencedores, Martina Pérez da Coruña coa curta O Crilo, Jordi M. Romero de Barcelona por Bobi e Raúl García da Coruña por En el armario.
– No referente á categoría de micromovies, novidade nesta segunda edición, na que participaban obras feitas cun teléfono móbil, o premio de honra á mellor peza do concurso recaeu en Como ser loca mancha de Andrea Natalia Casadío de Munro (Arxentina).
-O premio do público recaeu de novo na curta En el armario de Raúl García e os premios ás mellores interpretacións masculina e feminina foron para Rubén Grande por Superheroe e Maguet por Cafés de papel.
As vencedoras desta edición, ademais de recibir o premio en metálico, foron seleccionadas polo programa Onda Curta da TVG para seren emitidas pola televisión autonómica xunto con outras obras a maiores: Maitines de Eduardo P. Lavandeiram, Encontros na terceira idade de Carlos Prado Pampín, Rainicidas de Pablo Vidal e Non retornable de Marcos Méndez e Eva Rey.
Curtas na Rede premia ó blog Gran Kahuna de Sr. Rojo
Compartir Este Artigo

