A Consellaría de Innovación e Industria vai financiar unha pioneira iniciativa ideada polas empresas Dimensiona e Dehistoria que consiste en deseñar rutas turísticas no rural que se poidan seguir mediante GPS, así como unha guía turística en formato papel para os concellos que se integren. Este proxecto, denominado Desenvolvemento de rutas GPS para o turismo rural (do que xa temos falado na nosa revista en papel), permite que os usuarios interesados poidan descargar a información dispoñible en cada portal municipal e transferila ós seus aparellos GPS para seguir unha ruta determinada e complementar a información do dispositivo con guías impresas en papel para aquelas persoas menos experta no emprego das novas tecnoloxías.
Nunha primeira fase de proba, este programa, vaise aplicar no concello de Ames, onde proximamente se poderá descargar a información sobre tres rutas de curta e mediana distancia dende a web municipal. A primeira delas, chamada A sombra das Torres, ofrecerá unha visita ás terras amienses gobernadas pola familia Moscoso dende as Torres de Altamira.
A segunda comeza en Piñor, unha aldea que conta cun exemplo clásico de asentamento castrexo, e continúa por diversas aldeas de orixe medieval como Suevos e Reino. Foi bautizada co nome de A historia nun paseo.
Por último, a terceira das rutas que se poden descargar nesta fase piloto no concello de Ames é A vida labrega, un percorrido por distintas poboacións que lle permiten ós visitantes entender a tradición campesiña a través das construción que falan do traballo labrego e gandeiro.
Este innovador programa de rutas GPS será presentado o vindeiro día 17 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, con motivo da celebración do seminario Turismo e Novas Tecnoloxías.
O concello de Ames proba un programa piloto de rutas turísticas no rural por GPS
Compartir Este Artigo

