O ministro de Industria, Joan Clos, vén de anunciar no último Pleno do Senado das cortes que “grazas ó Plan de Fomento do Dominio .es, posto en marcha en novembro de 2005, o número de dominios deste tipo multiplicouse por cinco acadando un total de 632.000 a mediados deste ano”
Clos tamén sinalou que ó longo do pasado 2006, “o número de enderezos de Internet rexistrados co devandito dominio tivo un incremento superior ó 70 por cento e, no que vai de ano, este aumento sitúase no 25 por cento”.
O titular de Industria lembrou no Pleno que “o obxectivo do plan é incrementar o número de dominios .es e facilitarlle ós cidadáns e ás empresas españolas o acceso a este recurso”. Con este fin, o dito Plan inclúe -entre outras cousas- unha rebaixa das tarifas nun 71 por cento, a axilización no proceso de rexistro e a redución dos prazos de obtención ata facelos equivalentes ós de outros rexistros internacionais.
Ademais, este Plan veuse reforzando nos últimos anos por múltiples iniciativas para promover a presenza das pequenas e medianas empresas en Internet, como o programa NEW (Ningunha Empresa sen Web) e campañas de difusión como Empresas en Rede e Polígonos Industriais en Rede.
Os dominios .es multiplicáronse por cinco dende a súa creación
Compartir Este Artigo

