A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, inaugurou esta mañá en Santiago a fase de formación da segunda convocatoria da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, na que participan dende hoxe 36 seleccionados, 35 deles mulleres. E é que nesta convocatoria cómpre salientar a maioritaria participación feminina, xa que só un dos 94 aspirantes era home.
Este acto enmárcase nas liñas de actuación que está a desenvolver a Consellaría de Innovación e Industria co obxectivo de promover a Sociedade da Información entre o conxunto da cidadanía galega. Para o departamento autonómico, hoxe en día, é preciso impulsar a Sociedade da Información a través do fomento do interese polas Novas Tecnoloxías entre os cidadáns.
A diagnose previa á elaboración do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información puxo de manifesto que unha grande maioría de galegas e galegos non consideraban útil o acceso a internet. Para realizar todas aquelas actuacións que son precisas para convidar á poboación a achegarse ás Novas Tecnoloxías, a Consellaría de Innovación e Industria puxo en marcha ao inicio da lexislatura a Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Esta rede está formada por mozas e mozos que concorren á convocatoria que se publica no DOG e que hoxe deu comezo nesta a súa 2ª edición.
A Xunta inaugura a fase de formación da segunda edición da Rede de dinamizadores da Sociedade da Información
Compartir Este Artigo

