O software libre segue a recibir apoios. Algúns, para que nos imos enganar, proceden de persoas que nunca contarán con grandes audiencias perante dos seus ollos. Porén, a cousa muda cando é un premio Nobel, concretamente de Economía, o que se lanza a darlle azos a este xeito de entender a informática, a Web e, polo tanto, o coñecemento en si mesmo e o seu emprego (libre, total, aberto). Falamos das declaracións do investigador Joseph Stiglitz, que foi recoñecido en 2001 pola academia sueca co dito galardón e que ocupa un lugar senlleiro no eido da análise da globalización, o (en ocasións) menos global dos acontecementos actuais. Ó seu xuízo, dixo no transcurso dun relatorio na sede da Confederación de Empresarios de Andalucía, o modelo de software libre é moi importante e está a acadar un gran éxito en todo o mundo.
Stiglitz aproveitou a ocasión para sumarse á “causa” do código aberto, amosándolle o seu apoio, en parte como axente corrector de certos problemas da globalización (que as máis das veces é global cando non debe selo, e viceversa). Segundo o investigador (que foi asesor do ex presidente dos Estados Unidos Bill Clinton), o software libre será unha peza fundamental (causa, consecuencia, alicerce) dun proceso de distribución da riqueza mundial máis que necesario, proceso que comeza nas realidades e nas necesidades máis inmediatas da poboación pero que non remata ata que se chega ó derradeiro bit.
O premio Nobel de Economía en 2001 súmase á causa do Software Libre
Compartir Este Artigo

