O turismo e todo o que ten relación con esta práctica tan variopinta (que como todo o que practica o ser humano oscila entre o rematadamente irresponsable e o respectuoso co medio e cos países que se visitan) é o principal motor hoxe en día do investimento publicitario na Rede, tanto en España coma en gran parte dos países desenvolvidos. A case ninguén se lle escapa xa a esta realidade: o turismo e o lecer en xeral procúranse sobre todo dende escenarios radicalmente opostos. É dicir, é complicado pensar na compra dunha viaxe a Punta Cana cando xa estás na praia de vacacións. Pola contra, a cousa muda se estás na Rede dende unha oficina sen vistas ó exterior e aturando as ordes incomprensibles dos que están por riba de ti no organigrama. Unha viaxe, nese intre, só pode compararse a un vaso de auga no deserto. De aí a que as empresas que vendes itinerarios e aloxamentos peten na túa porta a través da Internet e de xeito masivo, só hai un paso.
Esta é unha das conclusións que se poden tirar dun estudo recente de PricewaterhouseCoopers e do Interactive Advertising Bureau (IAB Spain) no que se achegan cifras sobre o medre do investimento publicitario na Internet en España, que ascende a máis dun 74% este ano respecto do anterior e que sitúa ós ingresos percibidos no primeiro semestre de 2007 e a través desta canle en 220,30 millóns de euros.
As cifras falan por si soas: a Internet é mellor xa ca unha caixa de correos para lanzar publicidade e, para moitas empresas, é mellor cá tele, a prensa escrita e a radio (dende logo é moito máis recomendable que ir de domicilio en domicilio).
O caso é que, como dixemos antes, o turismo e todo o que ten que ver con iso é o motor deste proceso de medre, abranguendo o 16,7 do pastel. Séguelle o sector financeiro cun 14,4% do total dos ingresos, e despois sitúanse os medios de comunicación, a ensinanza e a cultura, cunha taxa do 11,2%. O cuarto sector nesta listaxe é o da automoción, cunha porcentaxe do 9,6%.
Por certo, que a investigación tamén informa que o forte medre dos investimentos débese tamén á entrada en escena de dous factores: o rol que unha boa parte dos sectores de anunciantes continúan a ter no desenvolvemento dos medios interactivos e, por outra banda, a feitura dos buscadores e ligazóns promovidas, que sube ata acaparar case a metade do investimento.
Na imaxe, unha turista fotografando o Arco de Trunfo en París, vista no caderno de Ivan Paganacci en Flickr.
O turismo turra do investimento publicitario na Rede, que medra en máis dun 74%
Compartir Este Artigo

