Á fin, tódalas entidades deportivas galegas, independentemente do seu tamaño, número de seareiros ou lugar de procedencia, contarán xa co seu propio sitio informativo na Rede para darse a coñecer e recadar socios que colaboren coa causa ou (polo menos) que teñan coñecemento de que existen. Atletismo, natación, tenis de mesa, golf, ciclismo, ximnasia, tríatlon… semella que xa van acadar algo máis (informativamente falando) que figurar os luns en pequenas columnas dos xornais locais cedéndolle o máximo protagonismo aos deportes de masas.
A idea dos responsables deste novo servizo de nome galizasport.com é a de que a partires de agora estean no novo portal á mesma altura có fútbol ou o baloncesto, un sitio onde as entidades deportivas galegas poderán publicar as súas novas, logros e imaxes de última hora para que os internautas poidan acceder a elas.
Segundo palabras dos seus creadores, “aquí non hai pequenos nin grandes, aquí dáselle o mesmo trato a todos”. Mais, pero para seguir medrando, este proxecto precisa da colaboración voluntaria de tódolos clubs, que deberán ir actualizando (se pode ser cada día) os contidos reservados no seu espazo, ó fin e ó cabo serán eles os principais beneficiarios.
Os clubs interesados en integrarse en galizasport deberán enviar a noticias@galizasport.com o escudo do club e a nova ou novas que queiran pendurar. Cada semana a web irase actualizando coa información que os clubs vaian enviando ata que, paseniño, tódolos deportes vaian cobrando protagonismo e dunha vez por todas, os seareiros “teñan un espazo onde localizar webs de clubs, de federacións, ver as crónicas dos partidos dos seus equipos ou discutir sobre as xogadas do día a través dun foro” (foro.galizasport.com).
A web entrará en funcionamento o vindeiro luns 29 de novembro, con toda a actualidade do deporte galego sen excepcións.
Unha nova web reúne información de tódolos deportes galegos nun só sitio
Compartir Este Artigo

