A Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (AGESTIC) maila Asociación Profesional Agraria Xóvenes Agricultores veñen de presentar esta mesma mañá en Pontevedra o bus da Sociedade da Información, BUSSI, que se empregará para difundir en dez concellos da provincia as vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), como medio para reducir a “fenda dixital” no medio rural.
O infobús vai principiar, a partires de hoxe luns a súa andaina pola provincia de Pontevedra seguintes localidades: Dozón, A Lama, Fornelos, Pazos de Borbén, Covelo, Crecente, Cerdedo, Forcarei, Lalín e A Golada.
Ámbalas dúas entidades devanditas veñen de asinar recentemente un convenio de colaboración para traballar a prol da superación da fenda dixital existente no medio rural galego, achegando as novas tecnoloxías ós traballadores das explotacións agropecuarias, cooperativas e empresas do sector, dun total de 50 concellos das catro provincias.
Dito proxecto, que conta co respaldo e o financiamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vai levar a cabo un programa de accións de difusión, de formación e de coñecemento das vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na xestión das devanditas explotacións e como ferramenta para mellorar as condicións de vida e de competitividade da poboación do rural.
Tanto AGESTIC como ASAJA asumen o compromiso de colaborar “para que o máis de medio millón de galegos que viven e traballan no rural, poidan ter as mesmas condicións de acceso á Sociedade da Información cos das cidades máis desenvolvidas, superando a exclusión dixital na que se atopan”.
A iniciativa consiste en desprazar a estas zonas do rural un autobús (o INFOBUS BUSSI da Sociedade da Información) totalmente equipado cos medio técnicos necesarios para levar a cabo unha “experiencia TIC”.
O bus da Sociedade da Información comeza hoxe a súa andaina polo rural pontevedrés
Compartir Este Artigo

