
O devandito cumio, que organiza a empresa Smart Technologies en colaboración con Asuntos Exteriores e Comercio Internacional de Canadá, ten como principal obxectivo reunir a expertos líderes en educación para intercambiar experiencias cos responsables da Administración e as empresas privadas e colaborar así no éxito académico dos estudantes así como explorar a relación que existe na actualidade entre educación, tecnoloxía e prosperidade económica.
No marco destas xornadas, Sánchez Piñón mantivo un encontro con directivos da empresa Smart, os cales lle trasladaron que Galicia é a Comunidade Autónoma que conta cun maior número de pizarras electrónicas desta compañía, pioneira no desenvolvemento de produtos de traballo en grupo para clases e reunións. Nestes momentos, a Comunidade galega dispón duns 1.000 dispositivos deste tipo nos centros públicos de educación infantil e primaria. Do mesmo xeito, durante a xuntanza estudouse a posibilidade de traballar no desenvolvemento de materiais didácticos en galego para as pizarras, especialmente para a lectoescritura, así como outros materiais interactivos. Os directivos da empresa son coñecedores dos avances que Galicia ten realizado nesta materia, e mesmo realizaron distintas visitas a centros da Comunidade.
A máxima responsable do departamento educativo galego quixo asemade salientar os esforzos que a Administración educativa está a realizar na integración das TIC na escola, “coa redución da ratio a 6 alumnos por ordenador, a formación do profesorado e o desenvolvemento de proxectos de innovación educativa neste eido”.
A Xunta entra en contacto cos últimos avances nas TIC aplicadas ó ensino en Canadá
Compartir Este Artigo

