No marco do Plan Impacto, que pretende mellorar a cultura tecnolóxica no ámbito das PEMES galegas, a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, EGANET, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, vai organizar mañá mércores 21 de novembro, unha xornada sobre comunidades virtuais dirixida a profesionais de pequenas e medianas empresas galegas do sector da promoción inmobiliaria.
A sesión, que se fai chamar Comunidades virtuais, como crear unha comunidade para promotoras inmobiliarias, será impartida por Manuel Pan, director xeral de Abertal, e dará comezo a partires das 18:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela.
Os asistentes recibirán asesoramente técnico personalizado así como ferramentas para a creación das devanditas comunidades virtuais, as cales, segundo a organización, “supoñen un xeito directo de chegar ao comprador e aforrar custos”.
Asemade, a xornada abordará as técnicas de promoción na Rede das comunidades virtuais de promotoras inmobiliarias.
O ‘Plan Impacto’ está estruturado en vintedúas sesións -en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Arzúa e Ribeira Sacra- e once áreas temáticas, nas que se abordan con carácter monográfico os asuntos de maior interese para as empresas, expostos por empresas galegas especializadas en cada unha das materias, que presentarán demostracións prácticas nas que se visualizan os beneficios da incorporación de solucións tecnolóxicas aos procesos laborais e de produción. O Plan ten como obxectivo formar en capacidades TIC aos xerentes, directivos e responsables das empresas e concienciar das súas vantaxes en competitividade, eficiencia, e acceso a novos mercados.
Eganet celebra en Santiago unha xornada sobre comunidades virtuais para promotoras inmobiliarias
Compartir Este Artigo

