Pode a tecnoloxía variar a percepción que temos dos órganos policiais? Pode facelos máis eficaces e convertelos en pleno senso nos ollos na rúa das corporacións locais? Se atendemos ó que nos conta a empresa galega eLaboro, con sede en Santiago, a resposta ás dúas preguntas é sen lugar a dúbida “si”. Mais é preciso (unha vez máis) abrir ben os ollos ante o seguinte: as forzas de seguridade están hoxe obrigadas a incorporar técnicas afeitas ó novo modelo de sociedade. Dito douto xeito: non lles queda outra. Se temos en conta isto, só resta desenvolver esas técnicas, eido no que precisamente entra en xogo a empresa eLaboro, poñendo a punto ferramentas como ePatrol (na imaxe, en esquema).
Trátase dun sistema de xestión que permite levar a cabo todos os procesos das unidades administrativas ligadas á policía e en total coordinación con todas elas.
Para falarnos desta ferramenta, que xa se está a empregar en concellos como no da Estrada, contamos desta volta coa axuda de Jesús Velasco, director executivo de eLaboro, para quen está claro que deseñar servizos coma este é como poñer as primeiras pedras dunha sociedade na que evitar incidencias antes de que acontezan será moito máis importante que dar conta delas.
–Como está a ser acollido o voso sistema entre os principais beneficiarios potenciais da mesma, as administracións do Estado e máis concretamente as vinculadas ós corpos policiais?
-A acollida é moi boa, pois preto de catro de cada cinco unidades policiais ás que foi presentado valorárono como unha solución que practicamente resolve o 90% dos seus labores cotiás.
-Xa foi levado á práctica con algún caso concreto en Galiza? Con éxito?
-Tense levado á práctica no concello da Estrada, con salientable éxito. Responsables das policías de Sanxenxo e Cádiz visitaron as instalacións da Policía Local para coñecer de primeira man o funcionamento do sistema. Estes últimos, a raíz da visita, aprobaron xa posta en marcha no seu concello do sistema para o primeiro semestre do vindeiro ano. No intre actual, a nova corporación local está a valorar a ampliación do sistema para dotalo de novas funcionalidades.
-Credes que isto lle acaería ben ó que as institucións denominan “Administración Electrónica”?
-O ePatrol é un sistema de información totalmente situado en liña coa Administración Electrónica dentro das etapas denominadas “transacción” e “transformación”.
-Temos moita información sobre as finalidades do servizo ePatrol, pero gustaríanos saber como funciona exactamente. En poucas palabras e co fin de achegar un pouco de luz sobre esta ferramenta perante os nosos lectores, como se fai emprego dela, que tecnoloxías inclúe e a cantos “actores” implica?
-O ePatrol inclúe as tecnoloxías vinculadas á mobilidade e aquelas que están baixo o paraugas dos sistemas abertos. As primeiras achegan inmediatez e ubicuidade, a través de GPRS ou Wi-Fi, na actualidade, pois permite incorporar calquera outra que poida establecerse como habitual no futuro ou estratéxica a día de hoxe. As segundas teñen que ver coa arquitectura J2EE e a linguaxe Java, que permiten dispor dun sistema multiplataforma e aproveitar a constante evolución do software libre.
Os actores implicados son todos os que teñen que ver cos procedementos administrativos derivados da xestión policial: unidades administrativas do propio concello (tesourería, secretaría, rexistro, etc), empresas que ofrecen servizos externalizados (firmas recadadoras, axentes da zona ORA), outras unidades policiais…
-Cales foron os obxectivos que vos animaron a desenvolver este servizo? Facilitarlle o traballo ós corpos policiais ou facilitarllo en última instancia ós propios cidadáns?
-As novas tecnoloxías, no eido das forzas de seguridade, son a expresión dun movemento dende a sociedade disciplinaria á sociedade de control. Hoxe, a clásica representación do poder xa non serve para explicar o xeito no que é exercida a vixilancia. As forzas de seguridade, como institucións e como actividade, vense obrigadas a incorporar técnicas e tecnoloxías novas, afeitas ó novo modelo de sociedade. No ámbito local, a policía pode exercer unha función de anticipación e prevención, pois pode converterse nos ollos da corporación local que pode tomar o pulso do que realmente acontece no seu concello. Deste xeito, debemos deixar de lado a idea dunha policía local represora ou sancionadora para propoñer unha policía local previsora, asistente, que se anticipa ós problemas e que reporta en tempo real, a pé de rúa, o que ocorre no municipio.
-Imos agora coa que cremos que é a pregunta clave. Os órganos policiais, sexan da índole que sexan, serán máis eficaces grazas ó emprego deste tipo de ferramentas? Terán máis posibilidades de estar no sitio e no intre no que deben estar?
–Poder reportar calquera incidencia dende o mesmo lugar no que acontece, sen ter que desprazarse ata Xefatura, permite ser máis eficaz. Poder enviar son, voz, imaxe e datos en táboas, en tempo real, permite ser máis eficaz. Poder consultar un rueiro actualizado, identificar a un peón ou a un vehículo, sen que sexa precisa unha conexión remota nin de datos, nin telefónica, permite ser máis eficaz. E se, ademais diso, o sistema reparte cada tarefa ó responsable correspondente, de xeito automatizado, teremos a certeza de que as incidencias reportadas serán abordadas de maneira máis eficaz e no menor tempo posible. O responsable municipal ou o xefe da policía saben en calquera intre, cun só clic, o que acontece e a súa evolución no tempo. Trátase dunha ferramenta de valor que permite tomar as decisións máis axeitadas en calquera intre.
-Cal é o motivo da vosa aposta polo software libre? Se non fose polo emprego de alicerces informáticos baseados en códigos abertos, sería imposible realizar dende Galiza un proxecto coma este?
–Apostamos polo software libre por diferentes motivos, pero basicamente por dous: pola clara aposta que tamén fai o cliente potencial desta solución e porque nos permite ser máis eficaces rebaixando custos e tempos de desenvolvemento, fornecéndonos de independencia tecnolóxica e dunha rápida adaptación ás tecnoloxías que aínda quedan por chegar.
-Faládenos doutros proxectos vosos. Que tendes a maiores entre mans?
-Queremos abordar o desenvolvemento dunha solución sinxela para a xestión de calquera sistema de calidade, xa sexa EFQM ou ISO. Son moitas as empresas que sofren a posta en marcha, pero sobre todo o mantemento da certificación e temos unha idea clara do que os responsables de calidade das compañías están a demandar.
Unha empresa de Santiago achega tecnoloxía para mellorar o labor preventivo dos corpos policiais
Compartir Este Artigo

