A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, vén de anunciar a organización do VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, que ten como finalidade premiar a emprendedores e emprendedoras que presenten proxectos de empresas innovadoras.
O obxectivo deste concurso, que xa leva oito anos recoñecendo as boas iniciativas dos universitarios galegos, é darlle pulo á creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados e licenciadas ou investigadores e investigadoras, así como á innovación empresarial e á xeración de emprego.
As persoas interesadas en participar neste concurso deberán presentar, entre outras cousas, unha memoria descritiva do proxecto xunto cun plan comercial de marketing e o plano de investimentos e financiamento; todo isto albiscando un horizonte temporal de 5 anos.
O formulario para a elaboración do devandito plan de empresa pódese descargar nesta ligazón, ou ben entrando na web de Uninova e premendo na ligazón Memoria descritiva do Proxecto.
As solicitudes deberán presentarse antes do vindeiro 31 de xaneiro de 2008 nos Rexistros Xerais da Universidade de Santiago de Compostela nun sobre cuberto e pechado, dirixido á vicerreitora de Investigación e Innovación da USC.
Os premios van dos 2.000 ós 9.000 euros (para o primeiro clasificado) e o gañador recibirá asemade ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamo participativo así como tres meses de balde de domicialización na Incubadora de empresas Uninova.
A USC organiza a oitava edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores
Compartir Este Artigo

