Internet dálles azos ás culturas minoritarias ou, pola contra, ponas na picota? Collemos todos na Sociedade da Información coa nosa cultura e a nosa fala ou deixaremos de ser (dentro de pouco tempo) traballadores por technical workers ou directores de empresa por coaching managers? Ironías aparte, a cuestión dá para moito, e case todos os implicados coinciden neste punto: de cómo se empreguen as ferramentas e recursos da Sociedade do Coñecemento, dependerá o afianzamento cultural no mundo destes pobos. Para afondar neste tema, vaise organizar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago (na imaxe) o Congreso I+C Investigar a Comunicación, do 30 de xaneiro ó 1 de febreiro. Na xuntanza, que (como dixemos) servirá para avaliar as posibilidades de pluralidade que achegan os novos soportes, xa están inscritas máis de 400 persoas a día de hoxe.
O evento vén da man da Asociación Española de Investigación da Comunicación.
Por certo que nela participará amplamente a investigadora peruana Teresa Quiroz, presidenta da Federación Latinoamericana de Facultades de Comunicación Social (FELAFACS). Quiroz, que defende o valor das novas ferramentas tecnolóxicas como muro de defensa do multicultural, é autora do libro Jóvenes e Internet. Entre el pensar y el sentir, no que afonda no comportamento da mocidade á hora de pórse perante a Rede, canle que, ó seu xuízo, senta os alicerces dunha cultura nova dos mozos, cunha linguaxe propia, grazas á posibilidade de ter un contacto constante. O dato en si mesmo ten importancia cualitativa e cuantitativa: os mozos e mozas de hoxe son os que dirixirán os fíos da Internet do mañá e, ademais, constitúen a día de hoxe o groso de usuarios da Rede. Neste senso, cómpre sinalar que en Galiza os rapaces de 15 a 19 anos son os que máis se conectan e en todas as provincias, segundo datos achegados polo Instituto Galego de Estatística. Amais diso, case nove de cada dez mozos ten teléfono móbil para o seu emprego propio e un 21% conta con acceso á Rede.
Volvendo ó Congreso I+C, engadir que se trata dun encontro de caracter internacional que reunirá a estudosos da comunicación como o arxentino Néstor García Canclini, quen pronunciará a conferencia inaugural ademais de Raúl Trejo, Tapio Varis, Erick Torrico, Margarita Ledo ou Mariano Cebrián Herreros.
Os temas a tratar son variados, malia que xiren arredor do mesmo eixo: a Rede como palestra do plurilingüe. Así, abordaranse temas como a relación entre investigación en comunicación e democracia, as políticas de comunicación e cultura, a sociedade da información e as novas tecnoloxías, a creatividade e a produción de contidos son os eixes do Congreso I+C Investigar a Comunicación.
Un congreso internacional en Santiago (I+C) reivindicará a Rede como salvagarda do plurilingüe
Compartir Este Artigo

