A sala de prensa do Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela vai acoller, mañá mércores 9 de xaneiro, o acto de presentación dos datos obtidos na cuarta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións: a IV Enquisa TIC para estudantes da USC.
O reitor da USC, Senén Barro, e o director da Área TIC da institución docente compostelá, Javier Franco, serán os encargados de presentar os mencionados resultados a partires das 12:00 horas, así como de facer entrega de dous ordenadores portátiles e cinco teléfonos móbiles de última xeración aos agraciados no sorteo realizado entre os estudantes que responderon á enquisa.
Segundo os responsables, esta enquisa permite comprobar “en qué medida se están a cumprir as liñas estratéxicas que a USC fixou en materia das TIC ao tempo que se converte nunha ferramenta de seguimento e control das accións que neste eido se realizan orientadas ó estudantado”.
Neste senso, os estudantes foron interrogados sobre equipamento e conectividade, usos de Internet, telefonía móbil, redes e servizos ofrecidos pola USC, coñecementos e formación dos alumnos ou sobre a percepción que teñen das TIC, entre outros temas.
Na mesma sesión estarán presentes tamén representantes das empresas colaboradoras no sorteo, Vodafone, Universia e a Fundación Caixa Galicia.
A USC presenta os resultados obtidos da IV Enquisa TIC
Compartir Este Artigo

