Este xoves presentouse en Madrid a web participativa Wikilengua.org, que seguindo os pasos da Wikipedia pretende difundir información sobre a lingua española e publicala de xeito coherente e organizado.
A Wikilengua é un proxecto de Fundéu (Fundación do Español Urxente) creada pola Axencia EFE e patrocinada polo BBVA, contando coa colaboración da Real Academia da Lingua Española, Red.es, a Universidade Autónoma de Madrid e Accenture.
Os usuarios poderán non só consultar as súas dúbidas sobre a lingua na nova web, senón que tamén poderán contribuír á mesma editando os artigos publicados e crear entradas novas, axustándose «ás reglas da Web 2.0» a xuízo do seu coordinador, Javier Bezos. De feito, os contidos publicados nesta plataforma empregan a licenza Creative Commons que permite a redistribución recoñecida e non comercial.

O presidente de EFE e vicepresidente de Fundéu, Álex Grijelmo, definiou que Wikilengua «non é unha obra de referencia, coma un dicionario, nin exactamente un consultorio lingüístico, unha obra normativa ou un lugar de opinión» senón que pretende converterse nunha publicación obxectiva grazas ó contraste de distintos puntos de vista. Tamén asegurou que é o primeiro espazo cibernético aberto dedicado a reunir tódolos coñecementos sobre a lingua española.
A Wikilengua xuntará na Internet o coñecemento sobre a lingua española
Compartir Este Artigo

