O emprego de Internet como recurso pedagóxico é, a día de hoxe, unha arma de dobre fío que por unha banda ofrece multitude de información útil tanto para mestres como para alumnos e, pola outra, ofrece tal volume de material e ferramentas que as máis das veces se abandona a procura da información que interesa por non saber seleccionar aquela máis rigurosa e de maior calidade.
A proposta que o profesor Bernie Dodge fixo en 1995 para resolver este gran problema foi a webquest, unha metodoloxía de procura orientada na que practicamente tódolos recursos empregados proveñen da Web e que mellora a aprendizaxe dos alumnos na aula.
Precisamente, botando man desta ferramenta para empregar a Rede na aula, o IES Teis de Vigo vén de crear a súa propia páxina web.
Nela, calquera mestre, alumno ou familiar pode construír e editar os seus propios xogos Flash para aprender xogando. Esta webquest permite crear xogos personalizados nos que se poden editar preguntas en liña e logo agrupalos en xogos reunidos ou realizar un proxecto educativo de investigación propio con feitura de web, quest, miniquest ou cazatesouros.
Asemade, esta aplicación, que é de uso libre para toda a comunidade educativa, contén un informe de resultados, converténdose nun divertido xeito de facer controis de avaliación e autoavaliación.
Para desenvolver unha webquest é preciso crear un sitio na Rede, un servizo de blog ou incluso -cun procesador de textos- crear un documento de Word que se poida gardar como unha páxina web e, a partires deste punto, calquera pode construír a súa ferramenta personalizada.
O IES Teis de Vigo presenta a súa propia webquest como ferramenta educativa
Compartir Este Artigo

