É posible escribir unha carta de amor orixinal sen ser cursi e sen ter que recorrer ós tópicos e aínda así mantendo un ton de proximidade co lector? Dende logo, tarefa doada non é, pero de facerse ben, o esforzo podería ser recompensado con 500 euros máis un “lote romántico Casablanca”.
E é que dicir algo “novo” e “orixinal” sobre o amor sen ser “nin cursi, nin tópico nin frío” é o requisito imprescindible para participar na VII Edición do Concurso Antonio Villalba de Cartas de amor, certame literario organizado pola EscoladeEscritores.com que cada ano convoca a miles de internautas de fala hispana con gañas de facer públicos os seus máis fondos sentimentos amorosos.
Segundo afirman os organizadores, para os namorados “toda comparación da persoa amada co sublime é pouca, terrenal” mentres que para os non namorados o esforzo do que ama é “repelente, simplón e incluso de mal gusto”. Para dirimir este dilema, a Escola de Escritores.com vén de convocar unha nova edición do seu concurso máis popular (que xa é un clásico das semanas previas a San Valentín), o Antonio Villalba, que non só premia con medio soldo dun mileurista ó gañador senón que lle ofrece o prestixio de ter nos seus andeis “o primeiro premio dun dos galardóns literarios con máis participación entre os internautas hispanos” (e non morrer de empacho de zucre por tentalo).
O prazo de participación estará aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro e no certame poderá participar calquera persoa que teña conexión á Rede e gañas de escribir todo aquelo que lle pase polos miolos cando pensa naquela persoa, animal, obxecto ou o que queira que lle teña afecto abondo como para facelo público.
As bases para participar atópanse na web do evento (www.escueladeescritores.com) e o peculiar “lote romántico Casablanca” do primeiro premio consiste (nada máis e nada menos) que nunha botella de whisky americano, un paquete de tabaco rubio, unha botella de auga de Vichy (coa súa correspondente papeleira), as notas dun pianista negro (¿?… sen comentarios), un reloxo de area, dous salvocondutos ó amor libre, un recordo de París e a sombra das hélices dun avión; persoalmente non atopo mellor maneira de fomentar a escritura ou, polo menos, os vicios máis comúns dos bos escritores.
Brincadeiras aparte, na pasada edición, este concurso acadou máis de mil trescentas cartas participantes, procedentes de todos os recantos do planeta onde había un hispanofalante disposto a facer das liñas unha declaración sentimental, e este ano os organizadores pretenden bater tódolos records. Incentivos non lle faltan.
Convócase a sétima edición do concurso virtual de cartas de amor Antonio Villaba
Compartir Este Artigo

