O conselleiro delegado de Siemens, Francisco Belil, reuniuse hoxe martes co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co obxectivo de explicarlle os plans de medre da firma así como o seu compromiso para colaborar no desenvolvemento económico e social que está a experimentar Galicia.
Asemade, na devandita reunión, Belil informou da estratexia e o interese de Siemens por un mercado “tan atractivo” como o galego, onde a compañía está presente dende 1921. A finalidade da compañía é achegarse aínda máis ós clientes e ter un papel importante nos principais proxectos da nosa terra.
Na actualidade, o volume de negocio desta firma en Galicia é de 50 millóns de euros anuais, o que a sitúa entre as 50 principais empresas que operan na comunidade. Belil asegurou que dentro da estratexia de Siemens de impulsar o negocio das delegacións territoriais, “Galicia desempeña un papel relevante, dado que conta cun gran potencial en sectores como a automoción, a siderurxia, o naval, as infraestruturas, a enerxía, o medio ambiente e a saúde”.
A intención de Siemens é, polo tanto, incrementar a súa achega á estrutura económica de Galicia, axudar á competitividade das nosas empresas e contribuír ó futuro de toda a comunidade.
Na imaxe, de esquerda a dereita, Manuel Sánchez Diéguez, director xeral de Siemens en Galicia, Francisco Belil, conselleiro delegado de Siemens e Miguel Angel Pena, delegado rexional de Siemens.
Siemens reforza o seu compromiso tecnolóxico coa nosa terra
Compartir Este Artigo

