
O prazo para a presentación de pezas no certame, que segundo o secretario xeral de Comunicación xa está plenamente consolidado con esta terceira convocatoria, ficará aberto dende este xoves 14 de febreiro ata o 8 de setembro, sendo os galardóns entregados o vindeiro 29 de outubro.
Volvendo ás novidades deste ano dun certame que se segue ó cen por cen na Rede, dicir que unha das que máis están a chamar a atención é da ampliación de categorías. De feito, agora distinguirase entre ficción e documental, a engadir unha de novo cuño: a de curtas de animación. Asemade, Curtas na Rede ábrese a partir de xa á entrada das linguas oficiais de Estado, polo que non será de estrañar se vemos na competición oficial algunha peza en éuscaro ou catalán. Nesta terceira edición tamén hai novidades no catálogo de patrocinadores e colaboradores: incorpórase ós que xa había o Eixo Atlántico, o que segundo os organizadores significará unha nova ponte dixital co país irmán.
As persoas interesadas en participar xa se poden inscribir de xeito gratuíto a través dun formulario dispoñible na propia web do evento, que, unha vez mais, será a columna vertebral do mesmo. Os únicos requisitos que se piden son: que os responsables das achegas audiovisuais sexan maiores de 15 anos e que as súas pezas sexan inéditas. Segundo apuntou a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a categoría estrela do certame segue a ser a de curtametraxes (obras de non máis de cinco minutos) que o ano pasado convocou case oitenta proxectos. As temáticas son libres, pero danse unha serie de pautas: inmigración, saúde, sexualidade e visións nosas/visións alleas.
Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. A categoría de micromovies responde a traballos realizados coa cámara do teléfono móbil que non poderán exceder os 30 segundos de duración. Neste caso, a temática e o xénero son libres.
Segundo apunta a organización, as cápsulas son unha nova modalidade de categoría baseada en pezas curtas cunha duración non superior aos tres minutos, na que se establecen tres subcategorías: musicais, promos e cápsulas de lingua. Ademais do anterior, as persoas inscritas no concurso, ao igual que o ano pasado, terán a posibilidade de crear unha bitácora de rodaxe.
Premios
En canto aos premios, este ano aumenta a contía nun 40% con respecto á pasada edición. Así, cóntase cun total de 35.000 euros para repartir entre as diferentes categorías. Cada unha destas recibirá un máximo de 1500 euros agás a categoría de animación que recibirá un tratamento especial tendo en conta o grande esforzo que implican os traballos. Así, neste formato, o primeiro premio estará dotado con 3000 euros, con 1000 o 2º, e con 500 o 3º. Como novidade para esta terceira edición atópase o premio especial do xurado e do público, así como os premios ao mellor guión e á mellor dirección.
A nova edición de Curtas na Rede amplía categorías, premios e linguas
Compartir Este Artigo

