Canon, firma internacional de tecnoloxías da imaxe dixital, vén de dar a coñecer os deseños gañadores do certame Una noiva de impresión, convocado entre os alumnos do Instituto Europeo de Design (IED) coa colaboración do deseñador Lorenzo Caprile e do propio IED.
O traxe de noiva de Moisés Nieto, alumno de primeiro curso do IED, foi o gañador do devandito certame no que se deu unha particular maridaxe (nunca mellor dito) entre a fotografía dixital e a moda.
Tódolos traxes de noiva confeccionados polos alumnos participantes no concurso estaban inspirados nunha serie de imaxes feitas por afeccionados europeos que, ademais, foron integradas nos deseños.
Os vestidos participantes foron realizados nun soporte de impresión semellante á sedalina e logo impresos cos equipos de Canon de gran formato.
A multinacional premiou a catro dos seis alumnos que presentaron os seus vestidos e deles, os dous primeiros clasificados viaxaron a semana pasada con Canon á Fashion Week de Londres mentres que os do terceiro e cuarto posto foron galardoados cunha cámara compacta Ixus de Canon.
Este certame, que forma parte da campaña de Canon We Speak Image, foi un auténtico desafío para os estudantes do IED que tiveron que traballar con fotografías ó longo de todo o proceso creativo e empregar novos materiais e ferramentas para converter os bosquexos en auténticos traxes de noiva.
Canon apoia ós novos deseñadores co certame de fotografía dixital Unha noiva de impresión
Compartir Este Artigo

