Se hai algo máis perigoso que someterse a dietas extremas para adelgazar rapidamente ou someterse a operacións de cirurxía estética para mudar partes do corpo que non nos gustan moito, é facelo por diversión, e máis aínda cando estamos a falar de adolescentes de menos de 16 anos, que non distinguen (por moito que se fagan as maiores) o real do ficticio e o perigo da diversión.
O xogo da Miss Bimbo, do que se fala hoxe nas páxinas de La Voz de Galicia, consiste precisamente niso, en coller a unha personaxe virtual, facerlle realizar dietas arrepiantes para adelgazar, sometela a operacións de cirurxía para “aumentar as súas curvas”, facerlle tomar drogas para aturar o día a día sen cansazo e sen notar a fame e ensinarlle a procurar unha parella millonaria para ser unha “moza guai” grazas a adquisicións materiais ó alcance de moi poucos.
O devandito xogo chegou hai pouco ó Reino Unido e xa son máis de 200.000 as nenas de entre 9 e 16 anos que xogan a aumentarlle o peito ás súas personaxes virtuais ou a facerlle cirurxía facial para parecer máis atractivas; mesmo, noutros niveis do xogo, xa chegan a sometelas a extremas dietas axudadas por fármacos e drogas para convertelas en “modelos de pasarela”.
Neste país o xogo leva aberto un mes e xa son moitas as adolescentes que participan nel, poñendo en perigo a súa estabilidade emocional e, nalgún caso, a súa vida pois son modelos de conduta a seguir que en nada benefician ás súas seguidoras.
As regras consisten en gañar o máximo número posible de bimbo dólares para pagar as operacións das súas personaxes e ir pasando os distintos niveis. O último deles, o nivel 17 establece o obxectivo final do xogo: “Hai un millonario de vacacións. Tes que chamar a súa atención e namoralo. Boa sorte!”. Arrepiante!.
Aínda que o seu creador afirme que se trata dun xogo inocente que só reflexa a sociedade actual, a directora médica da Rhodes Farm Clinic, especializada en desordes alimenticios en nenas afirma que “é unha web que promove e fomenta a anorexia e moitas nenas sucumbirán á perigosa e desgraciada mensaxe que achega”.
Unha web promove as operacións de cirurxía para ser unha moza guai
Compartir Este Artigo

