
Fernández debuxou un mapa cronolóxico da televisión que comezaba nunha etapa de monopolio (oferta limitada), pasou á xeralización do mando a distancia coa aparición de novas canles e, finalmente, chega a unha terceira fase na que as novas tecnoloxías permiten que o espectador conte con distintas formas de consumo audiovisual. RTVE quere «entrar con paso firme na terceira era da televisión» e aproveitar esta «oportunidade creativa única» para corrixir que o ente leve «máis dunha década de retraso» no novo mundo dixital.
O presidente de RTVE comprometeuse a «ofrecer a tódolos cidadáns a posibilidade de ver –ou escoitar– a nova programación tamén baixo demanda e de balde. Boa parte dos nosos programas (todos aqueles, todos, dos que temos dereitos) poderán verse na Internet ou outros medios interactivos cando queiran ou poidan os usuarios, non só cando os poñamos na nosa grella». Esta oferta non se limitará á programación actual, senón que tamén afectará a todo o emitido por RTVE dende os seus comezos, aproveitando o poder da longa cola con «máis dun millón de horas de patrimonio audiovisual dos españois que debemos e queremos sacar de novo á luz e pór en valor».
Pero os cambios no ente non se limitarán á publicación do seu arquivo na Internet, senón que tamén revolucionará a súa dinámica, integrando a súa plataforma web no seu fluxo de traballo, de xeito que as novas que vaian acontecendo durante o día irán aparecendo na Internet e non se limitarán a publicar os informativos televisivos na Rede. A nova web será así un exemplo de integración de texto, imaxes, audio e vídeo que creará a nova redacción de Medios Interactivos.
RTVE abrirá o seu arquivo audiovisual á Internet
Compartir Este Artigo

