“Unha das maiores experiencias transfronteirizas nunca realizadas entre Galiza e Portugal”. Así, dun xeito que trata de tirar partido das vantaxes do dixital (gravación, montaxe, presentación perante o mundo) e do que hai a ámbalas beiras da liña é como presentan o certame Filminho a asociación cultural Morraceira, a Cámara Municipal de Cerveira e o Concello de Tomiño, que se vai desenvolver do 22 ao 27 de xullo na localidade lusa de Vila Nova de Cerveira e na galega de Goián, no concello pontevedrés devandito. O certame, que ten o obxectivo de afianzar o convivio entre o audiovisual galego e o portugués (e, partindo desa base, afondar na irmandade cultural e social a toda escala), estrutúrase en dúas categorías: Grande Premio e Cinema Minhoto.
Segundo indica a organización, na primeira poderán concorrer todo tipo de producións (duración e xénero) de Galiza e Portugal, ficando Cinema Minhoto como a sección anfitrioa destinada a acoller todos os filmes realizados nas terras do Miño ou que teñan unha clara vocación transfronteiriza.
Ademais das proxeccións, o Filminho incluirá no seu programa un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela enfocado cara a mocidade. Unhas actividades complementarias de formación completadas cun Fórum de Criadores co que se pretende fomentar a realización de filmes no Miño.
O certame Filminho tende unha nova ponte (audiovisual e dixital) cara ao país irmán
Compartir Este Artigo

