O máis semellante que existe á realidade é en certa medida a realidade virtual. Case se podería dicir que están condenadas a atoparse e que vai unha cara a outra (achegándose de xeito irremediable, probablemente sen chegar a tocarse nunca) coa axuda da ciencia e, tamén, do noso maxín. No camiño de tirar partido directo da realidade para que esa distancia entre un mundo e outro sexa menor é onde se está a sitúa o equipo de Investigadores da Universidade Politécnica de Catalunya (UPC) e da Universidade de Lovaina (en Bélxica) que traballan nunha técnica que permite capturar o movemento humano en tres dimensións (3D) coa única axuda de dúas videocámaras.
A finalidade deste desenvolvemento é, polo de agora, de índole científica. Ou sexa, que do que se trata é de afondar nos acenos do corpo, de avalialos polo miúdo mediante a súa representación en 3D no computador. Sen embargo, tal e como se pode supoñer, o seu potencial é alto en eidos como o dos videoxogos.
En boa medida, é ben probable que coa súa aplicación se avanzase un bo treito na arela de recrear o máis fielmente posible a xesticulación humana. Ou, tamén, en aquelas propostas de tipo interactivo nas que se xoga coas mans e con outras partes do corpo. Segundo informa a Plataforma SINC de novas científicas, o alicerce deste proxecto está no desenvolvemento duns algoritmos que abordan a cuestión do recoñecemento dos xestos da maneira menos invasiva posible, non sendo preciso vestir ningún tipo de traxe ou de captores especiais senón o uso dunha cámara e nada máis. Logo, coa axuda dela, rexístranse unha serie de imaxes que identifican o contorno da persoa varias ducias de veces por segundo.
A información que se obtén deste proceso é avaliada polo dito algoritmo co fin de localizar os “puntos cruciais”: a cabeza, os pés e as mans. Este algoritmo apóiase no concepto de tipo matemático de distancia xeodésica para enxergar cales son os puntos que están máis afastados do seu centro de gravidade percorrendo un camiño ó cen por cen concentrado dentro da súa silueta. Logo, procédese a etiquetar cada extremidade. Segundo engade SINC, o sistema non achega grandes complexidades e pode ser aplicado dende calquera computador persoal e cunha marxe de erro do 9% como máximo.
Desenvolven un sistema para capturar o movemento humano en 3D
Compartir Este Artigo

