As tentativas de fraude, xa de por si graves, adquiren unha feitura especialmente baixa cando non veñen revestidas de estafa e tratan de aproveitarse daquilo que en boa medida nos fai máis humanos: a necesidade de comunicarnos. Se a isto lle engadimos o feito de que a tentativa en cuestión veña polo teléfono móbil, un aparello que para moita xente pouco experimentada coas novas tecnoloxías non pode mentir nunca, entón a faena é triplemente miserable. Isto é o que acontece nos últimos tempos con todas esas mensaxes lixo que nos convidan (supostamente) a coñecer a alguén importante para a nosa vida, acontecendo logo que nin existe esa persoa ou, de existir, é só a que nun principio quería quedarse cos nosos cartos, conseguíndoo en moitos casos.
O caso é que estes días estase a rexistrar un intento de calote que, por estar máis pulido que outros previos (eran coma lobos aos que, de ollalos en fite, xa lles vías as orellas), constitúe unha certa ameaza, malia a cifra relativamente baixa que se nos rouba: 2,2 euros. O truco? Segundo se explica estes días en El País e segundo contan os centos de afectados ao longo do mes de xullo, reside basicamente en que non chama atención e é sinxelo.
De feito, na súa sinxeleza reside a súa verosimilitude. Ou sexa: que a diferenza desas outras mensaxes nas que se nos converte en obxecto dos desexos fóra de control de alguén, neste caso só se nos convida a chamar a un número para escoitar a mensaxe de voz doutro usuario que, pensamos, pode ser un amigo ou amiga, presente ou futuro/a. Máis polo miúdo, este é o texto en cuestión, en castelán: “Tienes un mensaje de voz, una persona quiere contactar contigo y te ha dejado un mensaje de voz, para escucharlo llama ahora al 905545002”. Unha vez que se chama, respondénos unha voz feminina que asegura representar ao servizo de buzón de voz de Jorge Augusto Muñiz, achegando feitura de “cousa respectable”, sendo como é obrigatorio nestes casos subministrar a identidade. Logo, a tentativa apóiase no mesmo: en levarnos dunha voz a outra e en facer que marquemos outro número para que deixemos os nosos cartos no camiño. Con todo, malia que a cifra que se deixa ao final do proceso non é alta, fáísenos perder tempo, paciencia e, sobre todo, confianza nas canles e recursos das novas tecnoloxías. Máis que nada se temos en conta que a maior parte do que se paga nunha estafa como esta vai dar á empresa que comercializa o presunto servizo de voz (o resto vai á firma que nos subministra servizos de móbil). Os autores do calote, como era de agardar, tiran partido de certos baleiros legais no que se refire ao control dos números de tarificación adicional (803, 806 e 807). Neste paquete de prefixos sospeitosos non se incluíu o 905, converténdose agora na vía principal pola que chegan estas tentativas de fraude.
Unha nova tentativa de fraude polo móbil afectou a centos de usuarios en xullo
Compartir Este Artigo

