Unha parte da tecnoloxía semella ir encamiñada case exclusivamente a facernos a vida máis cómoda. Por exemplo: a poñernos todo aquilo que precisamos máis preto da nosa man e sen que sexa preciso empregar no proceso máis enerxías das precisas. Nisto se basean precisamente as compras en liña: en adquirir un produto ao momento mentres xa estamos a piques de dedicármonos a outra cousa. Con todo, a comodidade dunha compra en rede semella que sería aínda maior se a combinamos coas posibilidades doutra tecnoloxía desenvolvida á medida das nosas poucas gañas de movernos: o coche. Disto precisamente trata o novo servizo en liña presentado por Alcampo, Alcampo Drive, unha iniciativa que lle permite ao cliente adquirir un produto na Rede – nas mesmas condicións de prezo ca no establecemento físico- para logo recollelo co seu automóbil nun punto de entrega.
O servizo, que se vai poñer en marcha na vila madrileña de Villaviciosa de Odón, abrangue un catálogo de 4.000 produtos de alimentación e droguería, accesibles a través da web específica do sistema. A idea é, como dixemos, poñerlle as cousas máis doadas ao usuario: este poderá recoller nun punto de entrega todo aquilo que merque, onde terá a cesta da compra habilitada sen custo engadido algún e lista para que os operarios da cadea de centros comerciais lla depositen no maleteiro do coche “en menos de 5 minutos e sen necesidade de que se baixe do vehículo”, segundo indica Alcampo nun comunicado. Os únicos requisitos que se piden para facer uso do sistema é darse de alta no seu portal en liña (desenvolvido con Telefónica) e logo obter o código que deberá ser inserido na pantalla táctil do devandito espazo de recollida de pedidos para poder ter acceso aos pedidos.
Alcampo lanza un servizo para recoller co coche o que se merque na Rede
Compartir Este Artigo

