A banda ferrolá Boy Elliott and the Plastic Bags, da que xa falamos nesta mesma web con motivo da presentación no servizo YouTube do videoclip do seu tema Planeta 19, volve estar de actualidade por motivos de novo vinculados á Rede e aos seus eventos. E faino grazas á súa concorrencia no concurso A Polo Ghit, o certame en liña dende o que cada ano se certifica a máis que sobrada disposición dos grupos galegos para poñernos ao alcance das nosas orellas cancións do verán feita á nosa medida.
Desta volta, os de Ferrolterra foron elixidos polo xurado do festival para representar a Galiza no eurofestival Liet-Lavlut de linguas minorizadas que se celebrará na cidade de Luleå o vindeiro 18 de outubro, na Laponia sueca.
Segundo se sinala estes días en Vieiros (web coorganizadora do evento xunto coa Radio Galega), o proceso de selección dos gañadores foi de todo agás doado, tendo en conta o nivel de participación acadado nesta convocatoria (cuantitativa e cualitativamente).
Aínda así tivo que haber un gañador e, finalmente, os membros do xurado (o crítico Tito Lesende, o decano do CPXG Xosé Manuel Pereiro, a presidenta do club de fans da Orquestra Panorama, Patricia Romero e o dillei Zarpaelamor, Ramón Domínguez), optaron pola canción que levaba por título Planeta 19. Por certo que, como dixemos, xa se pode ver na Rede o videoclip da canción, desenvolvido polo equipo de Gorevision TV: The Next Generation, a canle ferrolá de televisión en liña independente.
O grupo, que aposta por anovar o eido musical galego bebendo das fontes do power pop, está integrado por Plastic Gus (batería), Marcos Bag (baixo), Diego Pigmalion (guitarra) e o ferrolán ex – Blood Filloas, Boy Elliott (guitarra e voz).
Boy Elliot and the Plastic Bags, elixidos no A Polo Ghit para representarnos perante Europa
Compartir Este Artigo

