Os tecidos comunicativos propios da Rede e das novas tecnoloxías da información en xeral son tecidos de ida e volta. Ou sexa, que provindo da vida real previa, enleáronse coas posibilidades de participación e mobilización da Web 2.0 e agora volven a nós, a primeira vista mellorados. De feito, algo de fronte colectiva real e máis dixital hai na convocatoria que veñen de lanzar Verdegaia, SOS Courel e máis Insectarium Virtual, entidades que levan meses loitando pola protección da natureza na dita comarca galega e que amplían agora o fondo e a feitura desa loita facendo uso do espírito de rede social internauta. Máis polo miúdo, trátase dunha Xornada Fotográfica Testing no Courel, ou, o que é o mesmo: unha quedada de fotógrafos e fotógrafas dixitais para dar conta, pola vía da imaxe, dos múltiples puntos de vista cos que se pode abordar un espazo ben delimitado. Neste caso, varias zonas da dita serra, especialmente rica en biodiversidade e valores paisaxísticos.
Diso precisamente, de protexelos perante certas actividades que só semellan estragalos (actividades primordialmente mineiras), trata esta mobilización.
A actividade, que arrancará cunha sesión fotográfica colectiva da flora e da fauna de tipo invertebrado da comarca (constitúe o 80% da súa biodiversidade), non só ficará aberta á participación e fotógrafos e fotógrafas do eido dixital, senón que tamén contará co labor de máis de 100 expertos en clasificación e rexistro da información, os que se encargarán (precisamente) de procesar e clasificar as imaxes que se acheguen. A acción, que se desenvolverá o vindeiro 6 de setembro, pretende involucrar ao meirande número de xente para a constitución dunha base de datos que abranga todas as especies. Segundo indica Verdegaia, os grupos dividiranse para cubrir catro rutas e tres covas:
1. Devesa da Rogueira. O Courel de influencia atlántica. Roteiro: Alto do Couto-As Augas-Moreda. Bosques interesantes con teixos (Taxus baccata), acivros (Ilex aquifolium) e capudres (Sorbus aucuparia).
2. Arredores Do Castro de Vilar. O Courel de influenza mediterránea. Roteiro: Froxán-Vilar-Vilamor. Os soutos de castiñeiros (Castanea sativa). Interesante mostra de coleópteros e formigas.
3. O Río Pequeno.O Caurel intermedio e a actividade humana. Roteiro: Paderne baixando ata Seoane. Soutos e reboleiras (Quercus pyrenaica).
4. Val da Moura. De interese xeolóxico (para a parte de espeleoloxía). Formacións pedrosas de interese científico. Xunto coa mostraxe da cova do mesmo nome Val das Mouras, na Ferrería Vella.
5. As covas (espeleoloxía): A Cova do Eixe de Mercurín, a de Longo de Meo en Moreda.
Na imaxe, Seara do Río, no Courel, vista por Molineli en Flickr.
Convocada para o 6 de setembro unha xornada de fotografía dixital colectiva no Courel
Compartir Este Artigo

