Oportunismo ou vontade real de botar unha man? Probablemente teñamos que coller pola vía do medio no caso de que queiramos definir Gasmappers.com, un servizo en liña encamiñado a localizarnos os puntos de achega de combustible máis baratos de toda España e Portugal. A web, sexa ou non unha maneira de aproveitarse do feito de que moitos de nós esteamos de vacacións e a piques de comezar unha viaxe, ten o seu aquel: non aforraremos moito empregándoa, porque o gasóleo e a gasolina xa naceron caros, pero se cadra poderemos usar os euros sobrantes en algo máis produtivo. Na web, que está na mesma liña que Gasofa.es (da que xa falamos en Código Cero), danse a coñecer as estacións onde o combustible é máis barato dun total de 14.000, ofrecendo a posibilidade de comparar prezos e atopar as ofertas máis idóneas.
O servizo, que está accesible en portugués, español e inglés, semella feito á medida dunha boa parte dos turistas que cada ano, por estas datas, cruzan a Península á busca do seu metro cadrado de area na praia.
A páxina foi deseñada por Innovation Point e comezou a súa andaina con este período vacacional de 2008. No seu alicerce atopamos unha vez máis o Google Maps, unha ferramenta especialmente idónea para dar conta da xeografía dun país e dos puntos concretos que andemos a procurar. Neste caso, estacións de servizo. O único que se nos pide é achegar o nome da localidade onde queremos atopar unha gasolineira e logo facer unha selección de area e elixir o tipo de combustible que requirimos. Amais, coma noutros casos, é posible pasar das buscas e facelo todo nós sobre o mapa.
Gasmappers.com: outro servizo para atopar o combustible máis barato
Compartir Este Artigo

