Os Xogos Olímpicos de Pequín, circo mediático para uns, exhibición salientable de habilidades diversas para outros, está a bater récords no que se refire ao seu seguimento a través das canles de comunicación. Nesta auxe do interese polas actividades deportivas que veñen estes días dende China hai unha serie de culpables máis ou menos claros: por unha banda todo o labor de marketing despregado polos medios e os seus respectivos patrocinadores nos días previos á celebración (prender a televisión e escoitar falar dos xogos era todo un) e, pola outra, o afianzamento e medre da Internet mesma. De feito, segundo se sinala dende o Comité Olímpico Internacional (COI), a Rede xa posibilitou tal cantidade de plataformas mediáticas para acceder aos XX OO que o complicado non é arestora ficar ao tanto do que acontece no país asiático senón todo o contrario: non saber nada.
Os xogos, que van camiño deste xeito de converterse no acontecemento máis seguido e procurado da historia polos cidadáns do mundo, xa comezaron con bo pé: a cerimonia de apertura bateu o récord sobre calquera outra cerimonia de esta ou semellante índole, con 840 millóns de espectadores seguíndoo todo pola vía tradicional, a tele, e (calcúlase) que máis de 300 millóns dando conta dela a través das novas canles dixitais. En total, estímase que foi seguida por uns 1.200 millóns de persoas.
Asemade, sinalar que só en China, a apertura espertou o interese de máis de 102 millóns de internautas, que atenderon aos acontecementos da cerimonia a través de diferentes plataformas da Rede. De feito, calcúlase que o visionado de vídeos en NBColympics.com rexistrou 30 veces máis de sesións de vídeos cós xogos de Atenas.
A Rede contribúe aos récords de audiencia dos xogos de Pequín
Compartir Este Artigo

