O DNI electrónico, aínda que lle pese ao Goberno, segue a ser sinónimo entre moita xente de longas ringleiras para renovalo ou expedilo perante as oficinas da Policía Nacional das vilas e das cidades. Dito doutro xeito: polo de agora, tendo en conta o que hai que sufrir en moitos casos para acadalo (estes días é habitual na sede de Santiago que as fileiras cheguen a dobrar a esquina onde se cruzan as rúas Pitelos e Hórreo, o que significa que hai xente agardando dende as seis da mañá), é probable que moitos cidadáns non lle atopen compensación ás vantaxes do novo dispositivo. Ou sexa, que aínda queda moito por facer, tanto en materia de divulgación como no que se refire a axilizar a renovación. Con todo, o Goberno segue a anunciar máis utilidades prácticas. Por exemplo: que o DNI se vai a poder empregar en 14 países europeos (13 da UE máis Islandia).
A idea, di o Ministerio de Administracións Públicas (MAP), é que tanto as tarxetas das persoas daqueles países como as nosas sexan compatibles e cen por cen válidas con independencia de onde nos atopemos para cumprir as mesmas funcións ca no lugar de orixe.
Con esta finalidade, o MPA está a representar a España no Stork, un consorcio europeo integrado por Bélxica, Estonia, Francia, Alemaña, Austria, Italia, Luxemburgo, Países Baixos, Portugal, Eslovenia, España, Suecia e Reino Unido, ademais de Islandia (que forma parte do Acordo do Espazo Económico Europeo). Uns e outros están a cooperar para tanto cidadáns de a pé como empresas ou membros do funcionariado poidan empregar os seus DNIs electrónicos en todos países da UE, prolongándose con este obxectivo os traballos do Stork a través de tres anos.
O consorcio, que está cofinanciado pola Comisión Europea, é unha parte máis dun obxectivo máis amplo: facer que as administracións sexan máis como tecnoloxías converxentes e minimizar na medida do posible os esforzos e gastos de tramitación ou comunicación administrativa derivados dos desprazamentos entre os devanditos países. En breve, segundo informa o MAP, comezarán as probas que deixarán vía libre para a aceptación dos eDNI españois nos servizos de administración electrónico dos Estados membros.
O eDNI poderá usarse en 14 países europeos
Compartir Este Artigo

