A tecnoloxía tende a imitarnos tanto como nós a imitamos a ela. No bo e tamén no malo. Un exemplo disto é o que lle acontece a determinados aparellos cando se lles dá uso de máis ou cando sobrepasan os seus límites de operatividade: que se sobrequentan (máis ou menos igual cós seus usuarios cando, por exemplo, son sometidos a un exceso de escolmas musicais de 40 Latino). Isto é o que lles pasaba as baterías defectuosas de Sony en computadores das casas Dell ou Toshiba e isto é o que semella que tamén lles acontece, aínda que a uns niveis moito máis baixos e de verdade menos perigosos, aos iPod Nano. O conto, que xa anunciamos nesta mesma web hai uns meses, é o seguinte: malia non revestir unha ameaza clara, existe unha partida no mercado de baterías con defectos ás que non se lles pode dar horas prolongadas de uso.
Se é así, hai probabilidades (aínda que baixas e de pouco risco) de que o gadget en cuestión chegue a arder. A polémica sobre isto estase a centrar sobre todo en Xapón, onde se están a sumar en pouco tempo certo número de casos de sobrequecemento e o conseguinte lume, número que, sen ser elevado, xa motivou que o Goberno movera ficha.
De feito, segundo se informa en Baquia.com, o propio ministro xaponés de Economía vén de pedirlle explicacións á empresa que é responsable destes produtos, Apple, e a animala a levar a cabo unha investigación. Os incidentes desta índole co iPod Nano (14 casos rexistrados ata o de agora naquel país) débense segundo a devandita multinacional á propia natureza das baterías, comercializadas entre setembro de 2005 e decembro de 2006 e procedentes todas elas do mesmo fabricante. Sexa como sexa, Apple xa tratou de quitarlle ferro ao asunto: di que o quecemento e o risco de lume só que se produce no 0,001% dos trebellos vendidos. Asemade, anunciou que os usuarios que teñan rexistrado este tipo de problemas poderán cambiar as baterías dos seus Nanos por outras novas.
Xapón pide explicacións a Apple polo efecto chisqueiro dos iPods Nano
Compartir Este Artigo

