Os internautas que levan anos pedindo prezos máis baixos para os accesos á Rede, ou mesmo custo cero, xa teñen un novo aliado. E ademais, non un aliado calquera. Trátase de Kevin martin, presidente do órgano regulador das telecomunicacións en Estados Unidos, que segundo informa USA Today, vén de emitir unha serie de interesantes declaracións sobre como sería para el un futuro do dixital desexable. Entre outras cousas, Martin salienta o indubidable papel de ben social que ten ou pode ter a Rede para moitos cidadáns, tento para os que están xa dentro dela como para os que están fóra, un factor de incremento da calidade de vida que, ao seu xuízo, non pode seguir sendo de pago a todos os niveis e para todo o mundo. Ao seu parecer, e falando do caso que lle queda máis preto, Estados Unidos non pode permitirse xa o luxo de non achegalo ata de maneira gratuíta. E prosegue, facendo referencia á demanda cada vez maior destes servizos: “Máis e máis persoas agardan e solicitan ter acceso a Internet e ás novas tecnoloxías sen fíos, e é importante que atopemos novas fórmulas para facer fronte a estas necesidades”.
Para comezar, o órgano que dirixe xa está preparando o terreo para outorgar sen custo unha licenza do espectro chamado AWS-3 (que se destina a banda larga móbil) precisando das operadoras a cesión dun 25% de acceso de balde.
Esta porcentaxe, que é ben probable que non atope abondosas alianzas entre o sector que achega este tipo de servizos mentres non se lle subministre unha compensación, empregaríase para suprimir a distancia que segue a afastar hoxe en día a moitos colectivos de risco de exclusión social da era do coñecemento. Ou sexa, que serviría para contribuír á desaparición da fenda dixital naquel país. Entre as empresas que se están a amosar máis reticentes a esta medida atopamos a T-Mobile, que sostén entre outras cousas que a cifra millonaria que pagou polo devandito espectro debería servirlle para algo máis que para ser en boa medida un obxecto de agasallo.
EE UU busca vieiros de ofrecer banda larga universal e de balde
Compartir Este Artigo

