A empresa galega Televés, especializada en produtos e servizos de telecomunicacións, vén de anunciar en que vai consistir a súa concorrencia na retransmisión do Gran Premio de Europa Fórmula 1 de 2008, que se celebrará o vindeiro domingo 24 de agosto en Valencia. Segundo apunta a firma de Santiago nun comunicado, a súa participación céntrase sobre todo en achegar a cobertura máis idónea. Máis polo miúdo, na instalación da rede de comunicacións que fará posible a difusión dos datos que se xeren no evento, equipando o circuíto de Valencia con máis de dez quilómetros de cable e cinco de fibra óptica. A xuízo da empresa, a instalación da infraestrutura xeral de comunicación (cable, fibra, emisores, receptores, todas as tomas intermedias, etc) desenvolveuse “nun tempo récord”.
A rede, que deixa marxe para 800 puntos diversos de tomas de televisión con alcance e cobertura ata os boxes dos pilotos participantes e as dúas salas de prensa habilitadas, posibilitará o envío de imaxes, son e información electrónica da carreira a través dun sistema “polo que poderá circular todo o que entra nunha rede de fibra óptica e con gran capacidade”, engade Televés.
A competición, na que concorrerán firmas como Renault, McLaren, Ferrari, Toyota, Red Bull ou Honda, supón a estrea da compañía galega no eido das retransmisións de Fórmula 1, feito que supón en certa medida un antes e un despois na súa traxectoria de 50 anos no ámbito das telecomunicacións. Os traballos despregados en Valencia, que proveñen dun encargo da compañía Elecnor (especializada na promoción e xestión de proxectos e no deseño de infraestruturas), teñen pois unha importancia estratéxica para calquera empresa que alí participe. De feito, a competición deste domingo en Valencia supón o afianzamento do que sería o segundo trazado urbano da historia para un evento destas características, logo do xa lendario de Montecarlo. Segundo apunta Televés, o acontecemento aínda ten máis importancia se temos en conta que o da cidade levantina é o quinto escenario (logo de Brands Hatch, Donington Park, Jeréz e Nurburgring) que acolle o GP de Europa dende 1983, ano no que se comezou a disputar.
Televés achega a rede de comunicacións do GP de Fórmula 1 que se celebra este domingo
Compartir Este Artigo

