O Goberno sirio semella estar poñéndolle un cerco ben firme á Internet, ou, máis polo miúdo, a aquela parte de Internet onde non se conta a historia oficial. Sen ir máis lonxe e segundo informa AFP, as autoridades daquel país veñen de pechar máis de 160 páxinas web ao longo dun prazo de oito anos, medidas que nos últimos meses estanse en boa medida a intensificar. A estratexia do executivo do país árabe, engade unha entidade que traballa a prol da liberdade de prensa, ten en parte relación directa coa política restritiva á cultura kurda e concretamente á súa loita de décadas a prol dun meirande recoñecemento dos seus dereitos.
Segundo apunta o Centro Sirio da Prensa e da Liberdade de Expresión, os ditos espazos web pechados pola forza eran xestionados por partidos kurdos e da oposición, por grupos islamitas ou ben por medios de comunicación libaneses e de organizacións sen arela de lucro. Un dos últimos espazos en liña clausurados foi o de Akhbar Suria, suprimido do panorama web por ter divulgado imaxes que indicaban o lugar exacto da cidade de Damasco onde foi asasinado o dirixente militar do Hezbolá libanés, Imad Mughnieh. O obxectivo último das autoridades de siria, engade o dito Centro da Prensa, é controlar aos internautas con esta política intensiva de censura, sobre todo tendo en conta que unha boa parte da sociedade daquel país emprega xa as canles de Internet para participar na vida política con debates e opinións.
Siria intensifica a súa política de peche de páxinas web
Compartir Este Artigo

