Se hai unhas siglas que provoquen malestar entre unha boa parte dos seareiros da música de todo o mundo, e máis concretamente da dixital, son sen lugar a dúbidas as seguintes: DRM. Falamos deses sistemas habilitados por certas empresas do sector do lecer tecnolóxico e que son coma unha blindaxe de cara a empregos dos seus produtos que elas non dubidan en cualificar de “inaxeitados”. Por exemplo: escoitar as cancións baixadas por unha determinada canle en reprodutores alleos a esa canle. O curioso é que nos últimos tempos non se albisca por parte da industria unha estratexia común máis moderada en canto a estas prácticas, senón unha marcha cara aos extremos.
Por exemplo, mentres Universal anuncia que vai suprimir o DRM, os creadores do xogo Spore poñen estes sistemas ata na sopa, e o mesmo podemos dicir da firma Apple, que segundo nos conta New Cientist a través de Barrapunto, anda a solicitar unha patente para espallar o DRM en cuestión ás zapatillas de deporte e outras prendas.
Polo que parece, o que pretende evitar a multinacional norteamericana é que os usuarios dos seus produtos e da combinación dos seus produtos (reprodutores iPod) con certas vestimentas (por exemplo calzado da casa Nike) lles dean máis vida a estes artigos alén da que as empresas responsables consideren idóneo. En certa maneira, para estas é importante dar unha boa imaxe cara aos clientes, e a cuestión non ten porqué chegar ao extremo de ver os reprodutores instalados nunhas pantuflas de cadros axeitadas para o fogar ou nas clásicas zapatillas de imitación (marca Like, por exemplo). En definitiva, que Apple non desexa ver os seus aparellos acompañando a marcas non autorizadas, de aí que o DRM vaia orientado a inutilizalas unha vez que a vida das zapatillas legais non dea para máis. Asemade, segundo conta New Cientist, semella que a iniciativa vai ser espallada ao eido das camisas, as garabatas, pantalóns e demais.
Apple estuda incluír tecnoloxía DRM na roupa
Compartir Este Artigo

