A ciencia computacional precisa arestora dos mellores e máis completos equipamentos tecnolóxicos. É un requirimento que non carece de lóxica: os cálculos chegan antes e en mellores condicións a bo porto se teñen operando para eles á meirande cantidade de ordenadores e, de entre todos, aos de maior capacidade. É precisamente nesta liña de reforzar o potencial de cómputo e a eficacia dos equipos informáticos en xeral onde se sitúa un acordo asinado hoxe en Santiago na sede do CESGA. Nel participaron os representantes deste espazo galego investigación (Salustiano Mato e Javier García Tobío), das universidades de Santiago e A Coruña (o vicerreitor Lourenzo Fernández e o reitor José María Barja) e da empresa HP (o presidente da división española, Santiago Cortés).
Ao acto, que máis detalladamente serviu para sentar os alicerces de dous proxectos de investigación na ciencia computacional que beneficiarían á comunidade científica e tamén á propia HP, tamén acudiron dous investigadores implicados arreo nos mesmos: Francisco Fernández e Ramón Doallo, dos grupos de Arquitectura de Computadores das Universidades de Santiago e A Coruña. Segundo o acordo asinado entre as devanditas partes, que ten unha duración de tres anos, HP investirá medio millón de euros no desenvolvemento das iniciativas HC-PROJECT e UPC-PROJECT.
Os dous proxectos contarán coa participación directa dos investigadores Fernández e Doallo e dos Laboratorios de HP, amais do labor de coordinación achegado polo propio CESGA. As iniciativas mobilizarán en total a 34 investigadores. Os seus obxectivos: incrementar as capacidades de traballo da comunidade científica mesma e, como dixemos, do propio catálogo de innovacións tecnolóxicas de HP.
Máis polo miúdo, o HC-PROJECT vai encamiñado a incrementar a velocidade que os ordenadores empregan para acceder á memoria, mellorando a eficacia e suprimindo atrancos. O segundo proxecto vai dirixido a facer máis doada a programación e a minimizar a complexidade no emprego cotiá dos supercomputadores e investigadores de calquera disciplina científica. A finalidade última destas propostas, amais das devanditas, é servir de base e punto de partida para incorporar no catálogo de produtos comerciais de HP ou para o deseño de novos e innovadores produtos tecnolóxicos que fagan máis doado o día a día na Sociedade da Información.
HP apóiase en investigadores galegos para o deseño de novas ferramentas
Compartir Este Artigo

