Yahoo! está a presentar estes días as que serán as novidades máis salientables do seu vindeiro redeseño, que se aplicará finalmente na web en cuestión de varios meses. Entre outras incorporacións, a páxina do xigante da Web incluirá accesos directos a sitios amigos e outros a espazos que non só non lle tocan de preto senón que poderían ser cualificados como pertencentes a empresas rivais. É o caso de iTunes (a tenda en liña de Apple) ou Amazon.com (establecemento virtual que tamén ten un espazo importante para música, que será co que ligue Yahoo!). A idea do buscador coa remodelación do seu sitio é estar ao tanto dos requirimentos dos usuarios e, na medida do posible, facer cambios de rumbo en base a eles. A incorporación de ferramentas e contidos alleos e a vontade de construír unha web máis atractiva dende o punto de vista visual entran nesta arela.
A relación de Yahoo! cos servizos externos non se limitará a ofrecer ligazóns xenéricas senón que se apoiará nun proceso de personalización íntegra. Por exemplo: se usamos a canle-videoclube Netflix, contaremos cun recadro onde figurarán os filmes pedidos e as recomendacións que nos fagan en base aos datos do noso perfil.
Asemade, segundo deu a coñecer Yahoo! na presentación destas novidades, poderemos requirir de xeito directo as películas dende os resultados da propia web de busca, filmes que figurarán na pantalla coa cualificación feita polos usuarios.
Yahoo! avanza novidades sobre o seu vindeiro redeseño
Compartir Este Artigo

