Bryan Adams, non trabucar con Ryan Adams, está a gañarse por dereito propio o seu posto de honra na listaxe de músicos e artistas en contra das ferramentas da era dixital, na súa totalidade, nunha parte concreta da mesma ou ben contra un uso determinado que se fai dela. No seu caso, todo hai que dicilo, a carraxe despregada semella ir máis ben cara a un grupo delimitado de usuarios, dándose a casualidade de que estes non son internautas mobilizados para erradicar os seus temas máis insoportables das cadeas de radio (na liña de Everything I do, reproducida no seu día ata a fartura), senón que se trata pura e simplemente de seareiros. Iso si: de seareiros que son quen de separar ao seu mito da persoa que está detrás. Porque a persoa que está detrás leva tempo pedíndolles que non empreguen o seu nome, imaxe ou cancións sen permiso e para calquera fin, nin tampouco os seus temas non oficiais nin ligazóns a sitios piratas.
En definitiva: que para o cantante canadense xa é hora de acabar coas webs non oficiais da súa persoa. Con este fin, vén de pedir os servizos dunha compañía que centra os seus esforzos en pechar webs polo mundo adiante: Web Sheriff.
Sinalar que esta empresa xa deu un chimpo aos medios de comunicación hai anos cunha iniciativa semellante dun colega de profesión: Prince. Bryan Adams tamén foi ao miolo do problema: púxose xa en contacto cos administradores das webs de seareiros non oficiais para solicitarlles que seguisen as súas instrucións en materia de seguimento da súa persoa e da súa obra.
Bryan Adams arremete contra os seus seareiros díscolos na Rede
Compartir Este Artigo

