
A solución de xestión de contrasinais 1Password confirmou un incidente de seguridade que permitiu a un atacante acceder a sistemas internos da plataforma e extraer información dunha parte dos seus clientes. Os contidos das bóvedas, os contrasinais e as claves de cifrado non resultaron afectados, segundo asegura o servizo.
A investigación comezou o 19 de novembro, tras detectar que un atacante conseguira comprometer a conta corporativa de GitHub dun empregado. Desde ela accedeu a código fonte e introduciu código malicioso nos servizos internos, que descargaron información administrativa dos clientes.
Entre os datos expostos figuran nomes, enderezos de correo electrónico, identificadores de contas, datas de creación e últimos accesos, así como determinados metadatos técnicos. Tamén se copiaron tokens incluídos nalgunhas mensaxes de invitación, aprovisionamento e recuperación de contas, aínda que non permiten acceder directamente aos usuarios sen unha verificación adicional.
Como resposta, 1Password desactivou a conta comprometida, revogou os accesos utilizados polo atacante e renovou as credenciais internas potencialmente expostas. Tamén ampliou de seis díxitos a dez caracteres alfanuméricos os códigos de verificación empregados nos procesos de invitación e recuperación.
Non é necesario cambiar os contrasinais nin modificar as contas. Porén, recomendan desconfiar de correos electrónicos, mensaxes ou chamadas inesperadas relacionadas con invitacións e recuperacións de acceso. 1Password lembra que nunca solicita o contrasinal da conta nin a Secret Key por esas vías.

