
Touriño tamén subliñou durante a súa intervención que «a multiculturalidade, a pluralidade, a inserción e a integración social» son valores reflectidos no concurso Curtas na Rede, e felicitou aos galardoados polo «esforzo inventivo, a enerxía artística e a capacidade emprendedora».
O presidente da Xunta o acompañaron durante a gala, entre outros, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso, e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.
Relación de galardoados
A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes, na que este ano participaron 90 proxectos. Os inscritos tiveron que realizar unha curta inédita que non excedera os cinco minutos de duración e que versara sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/visións alleas (temática libre). Amais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorporouse a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre.
O presidente da Xunta entregou o premio á mellor curtametraxe en galego a Xabier Marqués Solla por Z. O premio á mellor curtametraxe en castelán recaeu en Suda Sánchez por Rutina. O galardón á mellor curta de ficción sobre saúde e sexualidade foi para Carlos Prado Pampín por Vellas, quen tamén se fixo co premio á mellor micromovie por Amén Señora e mellor dirección por Vellas. Na temática de ficción inmigración, o galardón foi para Marisa Otero López por Querida Xulia. Na categoría visións nosas/visións alleas déronse dous premios, un deles para Diego Valiño García por Love over e, o outro para Toño Chouza por Münchausen, quen tamén recibiu o premio do público á mellor micromovie por Contratempo.
No apartado documental, o premio para a mellor curta de saúde e sexualidade foi para Julia Vallés por Sexo seguro. A mellor curta documental na categoría visións nosas/visións alleas foi para Pablo Chouza por O camiño da Loureira.
O galardón pola curtametraxe máis orixinal foi para Pablo Penedo Naveira por Federico Lasalle. Así mesmo, o premio do público á mellor curtametraxe foi para Andrés González Tella por Qué lle pasa a Pepe Pistola?
Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. O galardón mellor cápsula de lingua entregóuselle a Alberto López Vázquez por Negras sombras. Hugo Ricardo Sousa fíxose co premio á mellor cápsula musical por Dreams in colour, así como co premio do público á mellor cápsula. O galardón da mellor cápsula promo foi para Juan Pedro Pérez por 404.
Na categoría de animación, o primeiro dos premios foi para Miriam Alberte por Caligarismo, o segundo para Andrés Carrera por 1491 e o terceiro para Raúl García por A xogada perfecta.
Andrés Cameselle e Amalia Touriño e Aurea García recibiron o premio á mellor interpretación masculina e á mellor feminina, respectivamente. O premio para a mellor bitácora, outra das modalidades do concurso, foi para Marcos Nine, mentres que o de mellor guións recaeu en Eduardo Pérez por Lavandeira.
