Segundo datos do Estadio sobre Conectividade en Europa que vén de presentar AMD, Internet e a información e servizos que alberga seguen a dar pasos para meterse un pouco máis nas nosas vidas. Máis polo miúdo, para poñer a unha boa parte dos usuarios ao outro lado da liña que poderíamos chamar emprego normal e saudable das redes e das novas tecnoloxías da información. Dito en termos numéricos e facéndonos eco do que se vén de sinalar no dito estudo: o 77% dos internautas europeos son xa adictos as redes dixitais, con todo o que iso achega para as súas vidas: imposibilidade de pasar máis de un día sen conectarse, descarga compulsiva de arquivos de todo tipo, compras en liña a esgalla, emprego ao máximo de servizos de correo electrónico e de mensaxes instantáneos, participación en canto foro se pon diante, busca de amizades na Rede, consumo intensivo de contidos multimedia, etc. A investigación, feita sobre unha base de 5.000 enquisas, achega outro dato significativo sobre o avance das novas canles da información nas nosas vidas: a devandita porcentaxe do 77% de internautas adictos á información dixital confesa que a Rede é para as súas vidas un elemento a todas luces imprescindible, por enriba de outros artigos esenciais como poden ser o coche ou a lavadora.
O informe, que non se para nas previsibles consecuencias deste tipo de dependencia (desleixo polos compromisos familiares e laborais, procura obsesiva de cousas que dificilmente acabarán sendo mellores na Rede que na vida real), sinala como unha das grandes responsables desta vaga de adición tecnolóxica á demanda existente de contidos multimedida, en boa medida satisfeita cunha oferta máis que completa: o poder compartir, descargar ou enviar todo tipo de arquivos dixitais a través de servizos gratuítos ou de pago ou de portas abertas nos computadores a través das redes P2P.
A maioría dos internautas europeos son adictos á Rede, segundo un novo estudo
Compartir Este Artigo

