Symantec, coincidindo co Día Internacional da Infancia (onte 20 de novembro), está a intensificar o seu labor de divulgación no que a consellos de navegación en liña para a nenez se refire. Este labor materialízase sobre todo na guía de recomendacións (aquí, en pdf) que achega arestora a empresa de seguridade informática, en boa medida encamiñada a protexer aos cativos de certos riscos que a Rede non fai máis que reproducir da vida real. A escolma de consellos, que responde á celebración do dito Día Internacional e máis ao medre da presenza da Rede nos fogares (sendo os nenos e os adolescente os que teñen máis acceso e coñecemento no eido familiar e situándose arestora a taxa de penetración nos fogares nun 51%), céntrase sobre todo nun eido ben concreto: a comunicación liña. Ou sexa, céntrase na concorrencia xeneralizada dos rapaces e rapazas internautas nas redes sociais e nos servizos de chat e mensaxeiría co fin de facer amizades e incrementar o número de contactos.
A xuízo de Symantec, ter este tipo de comunicación na Rede é positiva, pero cómpre seguir unhas pautas seguras. Estas son algunhas das recomendacións da firma en liña:
· Supervisar as horas de acceso a Internet.
· Introducir o emprego do chat como ferramenta útil pero advertindo sempre aos fillos dos perigos do contacto cos estraños.
· Instalar e manter software de seguridade en Internet e supervisar en todo intre o uso que os nenos lles dan ao equipo.
· Sentar cos cativos cando estean conectados a Internet, ademais de informar e formar.
Respecto as ameazas principais pola Rede, sinala Symantec, estas veñen ligadas sobre todo á aparición de estraños, ou delincuentes, que poden intercambiar e vender información privada con fins lucrativos, ademais dos riscos que supoñen os lugares máis escuros da Rede vinculados á pornografía, apostas, racismo ou anorexia.
Symantec lanza novos consellos para unha navegación segura coincidindo co día da nenez
Compartir Este Artigo

