A Academia Galega do Audiovisual vén de convocar a sétima edición dos seus Premios do Audiovisual Galego, Mestre Mateo, que manterán aberto o prazo de recepción dos traballos ata o vindeiro día 2 de xaneiro de 2009.
Poderán optar ao galardón as longametraxes, películas, series, programas de televisión, documentais, curtametraxes, pezas publicitarias ou calquera tipo de obras experimentais que estean feitas na nosa lingua e que foran emitidas ou publicadas ao longo de todo este ano 2008.
Unha comisión de seguimento, formada por socios da Academia, e representativa de cada unha das categorías profesionais especificadas nos Estatutos da Academia “velará polo cumprimento das bases”, segundo veñen de anunciar os responsables do galardón, e asemade, en ausencia da Xunta Directiva, será o órgano encargado de interpretar as mesmas nos casos de conflito.
As categorías máis importantes establecidas nesta edición son:
-Mellor Longametraxe.
-Mellor Película para Televisión.
-Mellor Programa de Televisión.
-Mellor Serie de Televisión.
-Mellor Documental.
-Mellor Obra Experimental.
-Mellor Obra Interactiva.
-Mellor Obra Publicitaria.
-Mellor Curtametraxe de Ficción.
-Mellor Curtametraxe de Animación.
-Mellor Dirección de Produción.
-Mellor Dirección de Fotografía.
-Mellor Maquillaxe e Perruquería.
-Mellor Deseño de Vestiario.
-Mellor Dirección Artística.
-Mellor Montaxe.
-Mellor Son.
-Mellor Guión.
O vindeiro día 29 de Xaneiro de 2009, os responsables publicarán as candidaturas aceptadas, iniciándose no mes de febreiro o proceso de votación. Todos os nomeamentos que non resulten premiados han recibir un diploma acreditativo, segundo establecen as bases, as cales se poden descargar a través desta ligazón.

