A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de anunciar que participará na Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal 2008, prevista para os días 4, 5, 6 e 7 de decembro na Coruña, coa II Edición das Xornadas Coñecer e Innovar.
O obxectivo do encontro, que se desenvolverá os vindeiros xoves 4 e venres 5, é, segundo anunciaron os seus responsables, “promover un foro de debate e reflexión no que abrir posibilidades de cooperación a prol da creación de sinerxías entre empresas do sector con negocios alleos ás novas tecnoloxías”. Preto de 50 entidades empresariais confirmaron xa a súa participación na iniciativa.
Eganet, disporá, asemade, dun expositor propio na Feira, no que distribuirá material informativo dos seus novos proxectos e das empresas asociadas. Deste xeito, as persoas que se acheguen a este punto informativo poderán coñecer o novo programa divulgativo dirixido a centros de ensino co obxectivo de paliar o déficit de profesionais adaptados ás necesidades que demandan as empresas do sector TIC. Eganet potenciará tamén a información dirixida ao tecido empresarial galego para dar a coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, aplicadas segundo as características reais de cada empresa. Esta campaña centrarase nos concellos como canle para chegar a todas as asociacións empresariais de Galicia.
Eganet participa no Cultur.gal cun foro sobre innovación e coñecemento
Compartir Este Artigo

