O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de presentar no Parlamento galego o primeiro balance de execución do Plan Galego de I+D+i 2006-2010, Incite, dende a súa aprobación na cámara, cando contemplaba un investimento global por parte do Goberno galego de 800 millóns de euros. Fernando Blanco explicou que os recursos destinados pola Xunta á I+D+i “xa superan as estimacións iniciais do devandito Plan”, con 176 millóns de euros investidos no último ano, “máis do dobre en que 2005”.
Segundo anunciou o titular nacionalista, a cantidade que orzará o Plan o vindeiro ano 2009, “será de 186 millóns de euros”, é dicir, que a falta dun ano para a súa finalización se acadará o 80 por cento do investimento previsto no Plan e para o ano 2010, seguindo esta mesma tendencia, dixo, “superaranse amplamente os 800 millóns de euros inicialmente establecidos”.
O “forte investimento en I+D+i en Galiza” referéndano, segundo anunciou o conselleiro, os datos que hoxe mesmo fixo públicos o Instituto Nacional de Estatística, que indican que en 2007 o gasto total en I+D no noso país ascendeu a 555,6 millóns de euros, o 23,6% máis que o ano anterior e acadando unha participación sobre o PIB do 1,03% (en 2006 estaba no 0,9%).
Ademais do salto cuantitativo, Blanco explicou que o Plan supuxo un salto cualitativo na consideración e o papel da investigación, desenvolvemento e innovación no noso país. O Incite, segundo dixo, “dálles coherencia ás diferentes iniciativas, cubre e ordena racionalmente todos os recursos, programas e centros investigadores baixo unha visión global e coordinada de conxunto”.
Innovación fai balance do Plan Galego de I+D+i perante o Parlamento galego
Compartir Este Artigo

