A Secretaría Xeral de Igualdade quere subir un novo chanzo no camiño da prevención do maltrato e a violencia de xénero, unha cuestión que tristemente está máis de actualidade ca nunca no noso país. Este reforzamento en concreto do dito compromiso, dado a coñecer hoxe mesmo en Compostela polo departamento da Xunta que dirixe Carme Adán, entra de cheo no que poderíamos considerar novas formas e contidos para o coñecemento. Entre outras cousas, materializaríase nunha ferramenta web de formación a distancia que a xuízo de Igualdade achegaría pontes de comunicación que ata o de agora non existían. Tratase de www.igualdadadeforma.org, unha plataforma de aprendizaxe electrónica telemática que abranguería unha serie de cuestións coma frontes dunha liña de compromiso común: prevención, atención, asistencia e tratamento de situacións de violencia de xénero.
Os obxectivos básicos desta ferramenta apóianse todos eles nun labor de sensibilización, extensible para homes e mulleres. Esta finalidade específica de crear e reforzar nós solidarios complétase con outra xenérica: avanzar no desenvolvemento social de Galiza.
Segundo sinalou Carme Adán hoxe en Santiago, a achega formativa da plataforma, que foi deseñada por profesionais da Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, inclúe polo de agora oito cursos. O primeiro apóiase na transmisión de conceptos sobre violencia de xénero e dará comezo o día 9 de decembro. O resto participan dunha natureza máis específica e van encamiñados sobre todo a membros do tecido educativo, das forzas e corpos de seguridade, dos medios de comunicación, profesionais da psicoloxía, do ámbito sanitario, dos servizos sociais e do ámbito xudicial. Nun principio, a nova achega formativa de Igualdade parte co mellor dos apoios posibles para este tipo de iniciativas: o do alumnado. De feito, informou Adán, xa están rexistradas arestora un total de 1.910 demandas de praza.
Igualdadeforma.org: nova plataforma en liña para loitar contra a violencia de xénero
Compartir Este Artigo

